Saturday 27 de April de 2024

O Concello reparará con cargo ao POS 2016 a estrada desde a Areosa ata Laraxe


As obras adxudicáronse en 20.220 euros

A mesa de contratación do Concello acaba de resolver a adxudicación provisional das obras de mellora da estrada que vai desde o lugar da Areosa, en Limodre, até o límite co concello de Cabanas. As obras forman parte da programación do POS provincial 2016 e serán executadas pola empresa OVIGA, que se fixo co contrato impoñéndose a outras 9 construtoras cunha oferta lixeiramente superior aos 20.000 euros.

Os traballos de reparación consistiran nun repaso de todo o firme da estrada. En primeiro lugar está previsto facer un varrido superficial, despois taparanse os baches e, por último, selarase a pista cunha nova capa de rodadura.

A coñecida como “estrada de Laraxe” é unha vía que soporta tráfico intenso practicamente todos os días, por ser un dos eixos máis empregados para chegar á N-651 desde o núcleo principal de Limodre sen ter que pasar polo polígono do Vilar do Colo.

As obras iniciaranse no lugar da Areosa, xusto no desvío que dá á igrexa de Santa Olalla, e estenderanse ao longo de algo máis dun quilómetro, ata chegar ao límite coa parroquia cabanesa de Laraxe. O proxecto ocuparase unicamente do asfaltado xa que, segundo a redacción técnica, o bo estado das cunetas non faría necesario ampliar a intervención ás beiras da estrada.

A mesa de contratación resolveu adxudicarlle provisionalmente os traballos á empresa OVIGA. Presentou unha oferta de 20.220 euros para sacar adiante unhas obras incluídas no POS 2016 que o Concello licitou en 30.035 euros, ive incluído. Os pregos establecían un prazo máximo de execución de 2 meses.